viernes, 22 de mayo de 2015

Crean un brazo robético que pode ser controlado pola mente.


Erik Sorto, un californiano de 34 anos, leva 13 paralizado de colo cara a abaixo e agora, un grupo de científicos logrou que poida mover un brazo robótico só pensando niso e utilizando a súa imaxinación.

De forma voluntaria, Erik someteuse a unha cirurxía experimental no Hospital Keck de USC o 17 de abril de 2013. Nunhas cinco horas, os cirurxiáns implantáronlle dous conxuntos de microeléctrodos no cerebro (na codia parietal posterior), co obxectivo de rexistrar pulsos de electricidade das neuronas cerebrais cos que poder mobilizar un brazo biónico externo, situado ao seu lado.


Nos pacientes como Erik, a lesión na medula impide a transmisión da información dende o cerebro ata as extremidades, e aí entran en xogo os implantes neuroprotésicos. Nos experimentos realizados ata a data, centrados na codia motora, para coller un vaso, o paciente tiña que ir pensando por secuencias: elevar o brazo, estendelo, coller o vaso, pechar a man para suxeitalo... Un ordenador encargábase de descodificar os pulsos de electricidade das neuronas cerebrais cando o paciente enviaba co seu cerebro diferentes ordes aos seus brazos.


Aos 16 días da intervención cirúrxica á que se someteu Erik, comezou o adestramento para controlar o cursor do ordenador e o brazo biónico coa súa mente. No transcurso de 21 meses de traballo, os resultados foron os esperados. Abondaba con que Erik simplemente pensase e imaxinase o movemento no seu conxunto: Quero coller ese vaso de auga, sen necesidade de descompoñer a orde en varias accións.



O máis sorprendente é que despois de tantos anos paralizado, o paciente foi capaz de controlar o brazo robótico no primeiro intento, o que dá fe do intuitivo do control cando se utiliza a actividade neuronal da codia parietal posterior.



Probablemente a combinación de sinais da codia motora e da codia parietal posterior axuden a mellorar os dispositivos neuroprotésicos do futuro. Este traballo é moi interesante, xa que demostra que existen varias zonas cerebrais susceptibles de ser implantadas con este tipo de tecnoloxía.

No hay comentarios:

Publicar un comentario